_the print factory 1
_ materia
_ especialidade
Docencia Universitaria.
the print factory 1
"The Print Factory 1" recolle algunhas das propostas gráficas máis notables do panorama nacional, todas elas saídas –ao longo de varias xeracións de artistas novos– da facultade de Pontevedra. Así mesmo, e dende o mesmo instante en que tomou forma, esta publicación converteuse nun referente para as novas promocións de estudantes desta universidade, que tratan de emular o camiño trazado por estas persoas creadoras, sabedoras de que outrora se acharon na súa mesma situación.
_ el origen
Coincidindo co nacemento do grupo de investigación dx5 no ano 2004, xurdiu unha iniciativa entre o profesorado da Área de Gráfica da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Atafegados e satisfeitos polo alto nivel artístico alcanzado por moitos dos e das estudantes matriculados nas diferentes materias da área e pola gran calidade das súas propostas formais, optaron por inaugurar un arquivo con estes primeiros traballos. Para iso contaron coa participación e co consentimento do propio estudantado. No entanto, co paso do tempo, viuse a necesidade de dar forma a esa colección empregada de xeito recorrente para a docencia nos sucesivos cursos, pero con escasa proxección fóra da contorna estritamente académica da facultade. Por iso, iniciouse o proxecto editorial de The print factory 1, entendido como unha publicación que pretende ir máis aló dunha simple compilación de estampas e de proxectos gráficos. Para iso, o equipo do grupo dx5 púxose en contacto con artistas, ex-alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, que continuaron co seu desenvolvemento artístico tras a conclusión dos anos de licenciatura, para convidalos a participar neste proxecto editorial. A eles sumáronse algúns dos e das estudantes dos últimos cursos en vigor, onde se realizou unha selección das propostas máis destacadas.
- o concepto
The Print Factory é un proxecto que pretende fixar no tempo a memoria impresa do que acontece cada ano na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. O título fai referencia a ese cambio de paradigma operado na arte, ao que John Cage e a Fábrica de Andy Warhol aluden, e que traslada a autoría a unha contribución ao evento da creación, o que supón un ente moito máis amplo. Sen dúbida máis colectivizado pero tamén semellante ao empregado polos medios produtivos de fabricación en serie. Desta forma, as obras de arte que recolle este proxecto deben ser entendidas como o resultado sinerxético da actividade do ensino das Artes Gráficas e o colectivo de Alumnos da Facultade de Belas Artes, nun modestísimo intento de sincronizar esa disolución das voces individuais nun proxecto colectivo, facéndonos reflexionar sobre o que significa a Obra de Arte Múltiple hoxe en día, e na transformación que sufriu o entendemento da Arte na Era do consumo de imaxes.
A fin de darlle forma definitiva, e coa intención de axuntar este enorme elenco de voces diferentes baixo un marco común, expúxoselles aos e ás artistas participantes unha sinxela tipoloxía formal, que serve de nexo para establecer narracións ficticias entre as diferentes propostas gráficas recollidas nesta publicación. Baixo o título The print factory quíxose recoller a obra xerada nun momento moi preciso, froito da sinerxía entre a docencia da arte gráfica e a propia actividade do estudantado. É, en definitiva, un modesto intento de sincronizar esta disolución de voces individuais nun proxecto colectivo, que cuestionan o significado e a necesidade da obra de arte múltiple hoxe en día.