Coincidindo co nacemento do grupo de investigación dx5 no ano 2004, xurdiu unha iniciativa entre o profesorado da Área de Gráfica da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Atafegados e satisfeitos polo alto nivel artístico alcanzado por moitos dos e das estudantes matriculados nas diferentes materias da área e pola gran calidade das súas propostas formais, optaron por inaugurar un arquivo con estes primeiros traballos. Para iso contaron coa participación e co consentimento do propio estudantado.
No entanto, co paso do tempo, viuse a necesidade de dar forma a esa colección empregada de xeito recorrente para a docencia nos sucesivos cursos, pero con escasa proxección fóra da contorna estritamente académica da facultade. Por iso, iniciouse o proxecto editorial de The print factory 1, entendido como unha publicación que pretende ir máis aló dunha simple compilación de estampas e de proxectos gráficos. Para iso, o equipo do grupo dx5 púxose en contacto con artistas, ex-alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, que continuaron co seu desenvolvemento artístico tras a conclusión dos anos de licenciatura, para convidalos a participar neste proxecto editorial. A eles sumáronse algúns dos e das estudantes dos últimos cursos en vigor, onde se realizou unha selección das propostas máis destacadas.
The print factory 1 recolle algunhas das propostas gráficas máis notables do panorama nacional, todas elas saídas –ao longo de varias xeracións de artistas novos– da Facultade de Pontevedra. Así mesmo, e dende o mesmo instante en que tomou forma, esta publicación converteuse nun referente para as novas promocións de estudantes desta universidade, que tratan de emular o camiño trazado por estas persoas creadoras, sabedoras de que outrora se acharon na súa mesma situación.
The print factory 1 é o resultado palpable do proxecto docente do mesmo nome, xestionado ata agora e no futuro polos membros do grupo dx5 vinculados á Área de Gráfica da Universidade de Vigo. Como se expón no resumo deste proxecto, o obxectivo deste Gabinete de Estampa Contemporánea é documentar como a principal liña do grupo de investigación dx5, centrada na fusión de novas tecnoloxías e técnicas gráficas tradicionais, se materializou na transferencia destes resultados a través da súa aplicación na docencia.
A fin de darlle forma definitiva, e coa intención de axuntar este enorme elenco de voces diferentes baixo un marco común, expúxoselles aos e ás artistas participantes unha sinxela tipoloxía formal, que serve de nexo para establecer narracións ficticias entre as diferentes propostas gráficas recollidas nesta publicación. Baixo o título The print factory quíxose recoller a obra xerada nun momento moi preciso, froito da sinerxía entre a docencia da arte gráfica e a propia actividade do estudantado. É, en definitiva, un modesto intento de sincronizar esta disolución de voces individuais nun proxecto colectivo, que cuestionan o significado e a necesidade da obra de arte múltiple hoxe en día.
ficha do libro
Autoría: VV. AA.; Ana Soler e Sheila Pazos (coords.)
Data da 1.ª edición: 2009
ISBN 13: 978-84-937519-0-6
Editorial: grupo de investigación dx5 da Universidade de Vigo
Medidas: 17 x 23 x 1,5 cm
Páxinas: 172
Impresión: cuadricromía
Lingua: castelán
Distribución: Comanegra