impresión piezoeléctrica
a estampa inxectada

_ disciplinas

Infografía, editorial

_desenvolvemento e execución

2005-2007

impresión piezoeléctrica: a estampa inxectada

Este proxecto, sen dúbida, é un dos máis importantes para o grupo dx5 nos seus primeiros anos pola súa difusión, proxección nacional e envergadura. Xurdiu da sinatura en 2004 dun contrato de investigación entre o grupo dx5 da Universidade de Vigo e EPSON IBÉRICA SAU: «Aplicación de las impresoras EPSON gran formato en Bellas Artes» (Referencia CO-12705). Cofinanciado pola Universidade de Vigo, a Dirección Xeral de I + D da Xunta de Galicia (programa Xunta-UVI 2006-2007) e EPSON Ibérica SAU, destinouse a unha investigación en profundidade sobre a impresión dixital por medio de plotters de gran formato coa tecnoloxía de cabezais micropiezoeléctricos de inxección por demanda e goteo variable.

_orixe

Esta investigación sobre a impresión micropiezoeléctrica xorde da necesidade de atopar métodos e solucións que nos acheguen un medio eficaz e cualificado de obter imaxes impresas sorteando a utilización das formas tradicionais de gravado e de estampaxe, pero obtendo estampas de alta calidade.Por outra parte, é un intento por implementar melloras substanciais mediante a exhaustiva microanálise, tanto na impresión de diferentes papeis ou medios-soporte coma na durabilidade e conservación das impresións realizadas por medios dixitais.

_DESENVOLVEMENTO E OBXECTIVOS

No curso da devandita investigación realizáronse multitude de probas mecánicas e de microscopia, así como análises de todos os papeis dispoñibles na data no mercado nacional e europeo para a impresión en belas artes, xunto cos máis representativos de Xapón. De forma paralela, levaron a cabo estudos sobre as tintas de inxección, os seus compoñentes pigmentarios, cosolventes e mediums etc., así como as reaccións nos diversos soportes analizados. Entre outros logros, redeseñáronse as condicións de impresión, secado, absorción e preparación para o seu óptimo emprego nas belas artes. Así mesmo, a investigación descrita veu acompañada dun estudo dos índices de conservación e tolerancia das impresións aos raios ultravioleta e a durabilidade destas, tanto en condicións de arquivo coma nas exhibicións que expoñen as obras a axentes contaminantes, gases, humidade etc. Todo iso encadrado no avance dos rendementos, non só atendendo a criterios técnicos, senón tamén estéticos e artísticos, considerados sempre dentro do marco deseñado para a mellor optimización

A arte gráfica contemporánea, impulsada por estéticas, modos de pensamento e contornas gráficas dixitais, ten nas ferramentas dixitais un medio moi válido para formular propostas, resolvendo incongruencias e pondo ao día conceptos como o de orixinal-múltiple, diversificación de medios e soportes e tamén a espiñenta cuestión da interdisciplinariedade e a mestizaxe tanto técnica como conceptual

_CONCLUSIÓNS E EXPERIENCIA

Como conclusión deste proxecto, publicouse un libro cos principais resultados obtidos no estudo e presentouse oficialmente entre a comunidade artística e científica, anterior á súa comercialización, na Feira Internacional de Estampa 2006. A publicación, que leva por título «La impresión piezoeléctrica: la estampa inyectada. Algunas reflexiones sobre la gráfica digital», conseguiu unha acollida sobresaínte, ao non existir ata esa data un precedente de estudo que tratase un tema tan pertinente con tanto rigor e profundidade, nin que achegase este tipo de material documental para artes gráficas industriais ou para o mundo das belas artes.

Esta web usa cookies. Si continúas navegando estás dando su consentimiento para la aceptación de esas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies