la matrizintangible
Co proxecto «La matriz intangible» ábrese unha liña de investigación enfocada á difusión da gráfica contemporánea desde unha reflexión teórico-conceptual e a súa relación coa práctica artística onde interaccionan arte e tecnoloxía.
Conceptos:
– O orixinal-múltiple na era contemporánea, dixitalidade e incisión
– Semántica e semiótica da imaxe
– Estética e epistemoloxía da imaxe
– A pegada do invisible: arte colectiva e autoría compartida
– Infografía: nemotecnia e comunicación
– Unión de contrarios: presenza-ausencia, forma-contraforma, positivo-negativo
Desenvolvemento do proxecto:
No proxecto «La matriz intangible» pártese, por unha banda, dos aspectos máis creativos relacionados coa investigación e a evolución neste terreo, cuxa faceta máis tecnolóxica se viu impulsada cara as formas de comprensión do fenómeno da estampa e da incisión que se afastan metodoloxicamente falando das tradicionais; por outra banda, atópanse moi desenvoltas no campo das técnicas gráficas industriais.
Pero esta adopción dos medios electrónicos non é algo ao azar, senón un camiño coherente e ben cimentado desde o pensamento, as ideas estéticas contemporáneas e a necesidade de expresión dos e das artistas actuais que viron como novas solucións crean linguaxes e formas de entender a arte gráfica diferentes hoxe en día.
Expóñense e descríbense aspectos, ideas e conceptos que pertencen ao modus operandi da creación de obra gravada por medios actuais e o cambio de paradigma que
experimentou a gráfica no presente, cos sistemas de estampaxe sen matriz física, onde se cuestionan conceptos de autoría, multiplicidade ou dixitalidade.
É de destacar que este cambio acelerado, que se vén producindo desde hai apenas quince anos, se leva xestando, no entanto, case desde a invención do calotipo por Fox
Talbot no século XIX e, con todo, necesitou da grande accesibilidade a estes medios actuais para poder desenvolverse plenamente.
A controversia e a falta de aceptación por parte dalgúns contrasta co entusiasmo doutros que viron na tecnoloxía o medio de expresión de ideas, formas e sensibilidades non
accesibles noutro tempo. Desta maneira é interesante destacar como o uso e a aplicación das non xa tan novas tecnoloxías achegan un curioso enfoque na liberdade e na
mestizaxe de medios que se achegan ao mundo gráfico desde outros aspectos como a filosofía, o cinema, a arte amplamente masiva de internet, arte colectiva, a interactividade das creacións transfronteirizas etc.