_(encuentros) de interacción gráfica

_ materia

imaxe e papel

_ especialidade

Arte e deseño

(encuentros) de interacción gráfica

Dende o ano 2004, o grupo de investigación dx5 organizamos varias actividades e seminarios baixo o título xenérico de (Encuentros) de Interacción Gráfica, realizados na súa maioría na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Estes encontros naceron coa vontade de establecer un diálogo activo entre distintos membros da comunidade artística e xerar debates dinámicos, que tratasen aspectos presentes nos proxectos de investigación que o grupo veu executando.

_a orixe

Este libro recompila os relatorios presentados o pasado 9 de novembro de 2018 durante o encontro titulado «De la imagen al papel». Dende a dirección do grupo de investigación tentáronse aglutinar distintas perspectivas dun mesmo ámbito artístico para tratar de ofrecer unha panorámica máis ampla da devandita realidade, e que se resume na aplicación consciente da conceptualización na xeración de imaxes gráficas e o seu proceso para pasar da imaxe ao papel. Consideramos que no entendemento das teorías da complexidade, da multiperspectiva e da transdisciplinariedade está o xerme do avance do coñecemento.

Dende hai tempo o grupo de investigación aposta pola mestizaxe e o que demos en chamar «creación na fronteira». Cremos firmemente na relación entre o coñecemento intuitivo e o coñecemento racional, no diálogo entre a arte e a ciencia, entre a teoría e a práctica. É por iso que, neste encontro, non se tenta amalgamar os diferentes enfoques ou perspectivas, senón enfrontalas nunha harmoniosa –á vez que disonante– conxunción. Así, mediante o diálogo interno e externo, pódese establecer unha formulación máis rica e complexa da realidade; unha realidade que nunca é unitaria, senón poliédrica.

Nos catro relatorios deste encontro tratouse o uso das novas tecnoloxías para xerar imaxes como un campo de interese e de experimentación, visible tanto na obra final coma no propio proceso de moitos dos e das artistas analizados. Esta cuestión exponse dende diferentes perspectivas, prestando especial atención ao complexo mundo da obtención de impresións en cor o máis precisas posibles. A través de catro miradas diferentes, propónselles un debate aberto aos e ás asistentes onde reflexionar sobre as fortalezas, posibilidades e inconsistencias da tradución da imaxe dixital ao soporte físico. Kako Castro afonda sobre conceptos como a ultrafotografía e a ultrarrealidade ou os cambios na episteme das representacións do mundo. Juan Adrio realiza unha análise de corte máis técnico sobre os procesos na xestión da cor aplicados ao campo artístico. Jose Andrés Santiago achega unha visión sobre a transformación da imaxe ao papel dende a óptica da narrativa gráfica. Finalmente, Tatiana Lameiro reflexiona sobre os procesos de produción consciente a través do deseño sustentable.

_As catro visións

A visión máis técnica da xestión da cor e da impresión de estampas dixitais, a reflexión sobre o concepto de fotografía dixital hoxe, a ilustración-cómic e o deseño sustentable indícannos como o campo da arte gráfica se ampliou a outras manifestacións creativas que teñen como eixe fundamental o propio proceso de xeración e produción do obxecto final de consumo. Convén lembrar, por tanto, que importa tanto o resultado coma o camiño que nos conduce ata el. Dito doutro xeito, no proceso está a esencia do resultado.

Esta web usa cookies. Si continúas navegando estás dando su consentimiento para la aceptación de esas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies