A fascinación occidental polo Xapón, as súas paisaxes, tradicións e persoas, arrinca no século XIX coa chegada das primeiras mostras da súa xilografía hanga e o contacto fronta cunha cultura diferente –no fondo e nas formas– que, a día de hoxe, aínda segue resultando fascinante e arrebatadora. Xapón sempre se antollou terriblemente afastado, e é quizais a distancia o primeiro aspecto baixo o cal subxace o seu misterioso poder. Imbuído da aura máxica de nunca xamais nos seus recunchos e nas súas teimas, sorprende tamén polo desencanto e pola rudeza do día a día coas súas xentes. A cultura xaponesa resulta contraditoria no formal, no social, na fusión entre tradición e modernidade, no modo inverosímil de convivir presente e pasado, e tamén no ético e moral.
Xapón exemplifica de maneira maxistral esa permanente contradición cultural e social antes referida, esa perenne loita de contrarios entre contemporaneidade e tradición, que define e singulariza a realidade xaponesa hoxe en día. Esta foi a máxima que inspirou moitos dos proxectos de investigación e obras artísticas dos tres autores deste libro, ata o punto que Xapón terminou por se converter no leitmotiv, á vez que pretexto, nos últimos anos.
Froito das diferentes viaxes de investigación de tres membros do grupo de investigación dx5 da Universidade de Vigo, realizados dende o ano 2003 ata o 2008, nace A ding in Japan que recolle, dende a singularidade e o sinal característico de cada un, un singular mosaico de momentos e de fragmentos de realidade que retratan o día a día da sociedade nipoa contemporánea.
Este libro non pretende entrar nas formulacións do fotodocumentalismo intencionalmente edulcorado dos libros de viaxe, nin no ambicioso proxecto de mostrar un Xapón que se antolla, de antemán, inabarcable. Non se trata de ofrecer, de maneira exclusiva e nesgada, a imaxe delicada do Xapón de ilusión, de seda e flor de cerdeira. En cambio, está máis próxima á visión furtiva, allea a convencionalismos estéticos, de pequenos fragmentos desa realidade cotiá do Xapón; unha aproximación humilde dende o punto de vista do occidenta que se sabe estranxeiro nesa terra afastada, apuntando algúns aspectos disimulados ou que non ven de forma evidente, pero que están imbricados ata facerse materia de carne e óso nos homes e mulleres deste país. Trátase, pois, dunha aproximación dende a periferia,
como o ding que dá título a este libro e que, como a intrusión vibrátil do escarvadentes que golpea o bordo da cunca, a amosega ou a pequena saltadura na peza de cerámica, vai profundando na hermética sociedade nipoa.
Este é un libro composto fundamentalmente de imaxes, con apenas texto, que pretende, dalgún xeito, completar unha imaxe global feita de sutilezas por medio das súas moitas partes interconectadas. É a xaponesa unha cultura complicada e permanentemente codificada nos seus xestos, costumes e posturas. Ao ser conscientes de que a súa realidade máis íntima lles pertence e obedece a unha maneira de ser e de habitar misteriosa, moitas veces disimulada, tras a que se esconden moitas cousas que quedaron probablemente inadvertidas, tentamos desvelala, sempre cunha intención lexítima, nas imaxes deste libro.
ficha técnica
Autores: Ana Soler, Kako Castro e José Andrés Santiago
Data de 1ª Edición: 2008
ISBN 13: 978-84-935566-9-3
Edita: grupo dx5 – Universidade de Vigo
Medidas: 24,5 x 22,5 x 4 cm.
Páxinas: 524
Impresión: Cuatricromía
Idioma: Español – Inglés
Distribución: Comanegra (+info)