Doutora en Historia da Arte Moderna e Contemporánea (Universidad Complutense de Madrid) e, desde o ano 2000, profesora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo). Impartiu docencia en Esdemga (Escola de Moda de Galicia) desde os seus inicios e, na actualidade, é profesora da materia Estética e historia da moda no Mestrado en deseño e dirección creativa en moda (Universidade de Vigo).

Se algo define a súa traxectoria é unha visión multidisciplinaria, permeable e curiosa que deu froito en proxectos de investigación e curatoriais que toman en consideración o conxunto e o común do creativo, prestando atención ás relacións que a historia da arte estableceu con outros campos ou disciplinas propias da nosa época, abrumadoramente, pluridimensional. As súas últimas investigacións tratan nocións próximas ao feminismo, á identidade ou á necesidade de repensar os modelos expositivos nas institucións públicas.

Colaborou en programas de difusión cultural en prensa, radio e televisión (Radio Galega, Miraxes, LibroAberto), na coordinación de actividades educativas (CGAC), na xestión e dirección creativa de institucións artísticas (Centro Torrente Ballester), na crítica de arte (Art Notes, M-arte e cultura visual) e, na actualidade, alterna a docencia e a investigación coa práctica do comisariado independente.

Entre os seus últimos proxectos destaca o comisariado das exposicións Así nos ven. Así somos na Pinacoteca Fernández del Riego (Vigo, 2015); Un rolo de papel continuo, Sala X e Sede Afundación (Pontevedra/A Coruña/Vigo, 2017-2018); así como a publicación do libro de divulgación educativa MA-RA-VI-LLO-SO. 15 razones para reflexionar sobre la creatividad (Dardo, 2018).

Esta web usa cookies. Si continúas navegando estás dando su consentimiento para la aceptación de esas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies