Aldara Vázquez é artista plástica e investigadora predoutoral da Universidade de Vigo. Graduouse en Belas Artes pola Universidade de Vigo (2022) co Premio Extraordinario Fin de Grao (2023). Posteriormente, ampliou a súa formación académica realizando o Máster en Prácticas Artísticas Contemporáneas (2023) e o Máster en Formación do Profesorado con especialización en Artes Plásticas e Debuxo (2024). Actualmente, está contratada como investigadora predoutoral pola Universidade de Vigo no programa de Creación e Investigación en Arte Contemporánea e é membro do grupo de investigación Dx5 [Digital & Graphic Art Research].
A súa investigación teórica, así como a súa práctica artística, afonda na intersección entre o mundo téxtil e a tradición cultural galega, explorando con dedicación distintos tecidos e técnicas tradicionais. Movida por este interese, adquiriu destreza no manexo de diversos tear tradicionais, establecendo un diálogo entre os procesos artesanais e a arte contemporánea. Os materiais téxtiles, cunha carga simbólica vinculada á pertenza, ao corpo e á memoria —tanto persoal como colectiva—, son o vehículo para unha reflexión sobre o pasado, o legado da creación anónima, realizada nos marxes e nos límites dos territorios artísticos.
Ao longo da súa traxectoria, foi recoñecida con premios e distincións tanto polas súas investigacións académicas como polas súas creacións artísticas. Entre eles destacan o Premio ao Mellor Traballo de Fin de Grao en Axenda 2030 (2022) e o Premio ao Mellor Traballo de Fin de Máster en Axenda 2030 (2024). Así mesmo, obtivo o Premio de Intervencións Artísticas na modalidade de comisariado da Zona C de Santiago de Compostela (2022), o Primeiro Premio dos Premios Culturais de Fotografía da Universidade de Vigo (2022), o Terceiro Premio Xuventude Crea na modalidade de fotografía (2024), e foi finalista no Certame Xóvenes Artistas Loyola (2025), entre outros. Participou en diversas exposicións nacionais como, por exemplo, a Exposición Internacional TextilFest, Transformations (2025) en Igualada, Barcelona.




