_Responsabilidades e conciencias biocreativas

Metodoloxías situadas para imaxinar comunidades mais-que-humanas

_ materia

arte contemporánea, bioarte, biodeseño, posthumanismo, novos materialismos, humanidades ambientais, arte e ciencia, ecoloxía crítica.

_ especialidad

investigación artística basada na práctica, metodoloxías mais-que-humanas, percepción expandida e interfaces interespecie, biomateriais e micodeseño, ficción climática e deseño especulativo, prácticas decoloniais e territorio, ética do coidado e da co-habitación.

_Responsabilidades e Conciencias Biocreativas.

Responsabilidades e Conciencias Biocreativas é o segundo volume da serie xurdida dos encontros internacionais Art at the Edge of Nature. Formula unha revisión crítica da posición do suxeito humano nos procesos de creación e investigación e toma a crise ecolóxica como un desafío á vez epistemolóxico, ético e material. No volume recóllense 29 contribucións procedentes de ámbitos tan diversos como a arquitectura, a escultura, a enxeñaría forestal, a conservación de recursos fitoxenéticos, o deseño de interacción, a pintura ou a intelixencia artificial. Todas elas entenden a práctica artística como un modo lexítimo de produción de coñecemento, capaz de dialogar coa ciencia desde a horizontalidade. Ao longo das súas páxinas abórdanse os biomateriais e o micelio, os herbarios especulativos, a restauración de arrecifes de coral, a vivenda como bioma compartido, o territorio atravesado polo extractivismo e as obras que se transforman cos organismos que as habitan. Desde esta pluralidade de enfoques, a publicación dá un paso máis respecto da súa antecesora, Posthumanismos Interdisciplinares na Arte e na Ciencia: despraza a atención do diagnóstico cara á metodoloxía e pregúntase non só que pensar sobre a natureza, senón tamén como traballar con ela, ensaiando formas de responsabilidade cara á materia, aos organismos e aos territorios cos que compartimos o mundo.

_orixe

O volume recolle as reflexións derivadas da cuarta edición de Art at the Edge of Nature, celebrada os días 21 e 22 de maio de 2026 no espazo La Trasera da Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid. A serie naceu en Nova York en 2024 e tivo a súa primeira edición en España en Pontevedra en 2025. Nesta ocasión desprázase a Madrid e amplía a súa rede interinstitucional mediante a colaboración cos grupos de investigación Prácticas Artísticas e Formas de Coñecemento Contemporáneas (GIPAFCoCo-UCM) e Sustentabilidade, Arte e Ciencia (SCIART-UCM). O encontro está promovido polo grupo Dx5 Digital and Graphic Art_research, a través da liña de investigación Novas Materialidades e Ecoloxías, e polo grupo AF4 Enxeñaría Agroforestal, mediante a liña Biorrecursos e propostas de arte-ciencia, ambos da Universidade de Vigo. Conta co apoio da Axuda CREA para a organización de congresos e reunións científicas, co financiamento estrutural dos grupos Dx5 (GRC ED431C 2025/42) e AF4 (GPC ED431B 2025/036), e co proxecto de I+D As boas artes de vivir coas outras "a través" do deseño (PID2024-158514NB-I00).

_enfoque

A publicación articúlase arredor de catro eixes conceptuais que reproducen a estrutura do encontro: a responsabilidade coa materia e a súa axencia, a percepción expandida e os límites do sensible, os desbordamentos disciplinares e as metodoloxías máis-que-humanas, e as prospeccións cara a unha ética da cohabitación. Neles, o coñecemento enténdese como unha práctica situada que non se separa das relacións que a fan posible, e a creación como un proceso compartido con axentes non humanos que condicionan, desvían e coconfiguran o seu resultado. As voces de investigadoras e investigadores consolidados aparecen xunto ás de doutorandas e doutorandos, seguindo o formato do encontro, que procuraba un intercambio horizontal entre xeracións. Cada eixe péchase cunha conversa colectiva que recolle o debatido na súa correspondente mesa redonda. Así, o volume preséntase tamén como arquivo dun pensamento elaborado en común, no que o biocreativo aparece como un territorio de negociación entre especies, materiais e saberes.

_Arte múltiple expandido e as prácticas biocreativas

Desde a tradición da arte gráfica expandida e da obra múltiple, a liña de traballo en Novas Materialidades e Ecoloxías procura ampliar a noción de orixinal e copia, a axencia do material e as implicacións da creación máis alá da entidade humana. As prácticas biocreativas operan tamén mediante a repetición, a réplica e a variación, pero a partir de matrices vivas: sementes que se reproducen, micelios que medran seguindo un molde, cultivos bacterianos que se rexeneran, herbarios dixitais construídos mediante fotogrametría ou imaxes compostas por capas superpostas. Cada peza maniféstase así como serie e singularidade ao mesmo tempo, e a autoría distribúese entre quen crea e os organismos e materiais que interveñen.

_sobre o contido

O volume ábrese con A multiplicidade do vivo, unha guía de lectura na que Ana Soler e Antía Iglesias presentan os catro eixes da publicación e o sentido do seu percorrido.

O primeiro bloque, Sobre o estado da cuestión, reúne as intervencións contextuais do comité organizador. Antía Iglesias propón a tenrura como metodoloxía biocreativa, a partir da distancia cognitiva que separa as especies. José Carlos Espinel reflexiona sobre a axencia da materia e sobre a escoita, a negociación e a cocreación como modos de facer artístico. Pola súa banda, Santiago Morilla formula as bases dunha ética e dunha estética da cohabitación fundamentadas no coidado, na corresponsabilidade e na sustentabilidade máis-que-humana.

O eixe Responsabilidades coa materia e a súa axencia comeza con Alberto Alarcón, que defende o amor á materia como principio ético e examina a optimización, a reparación e a reutilización como estratexias de produción. María Mallo reconstrúe unha traxectoria situada entre arquitectura, arte e vida a través de materiais brandos, espazos reactivos e organismos vivos. A continuación, Rita García Llanes explora a transmutación da materia e a pel, a auga e a terra como superficies de intercambio. Carolina Borrero analiza o territorio colombiano como unha escultura modelada polo extractivismo desde unha perspectiva decolonial e postnatural, e Nuria Díaz reivindica a investigación baseada na arte como un saber encarnado. O bloque conclúe cunha conversa colectiva moderada por Loreto Alonso Tienza.

En Percepción expandida, mediacións e límites do sensible, María Castellanos presenta un ecosistema biónico no que a interface se converte nunha rede de relacións entre plantas, máquinas e humanos. Andrea de la Rubia propón un ciberherbario especulativo que imaxina hibridacións vexetais entre o norte e o sur peninsular fronte ao cambio climático. Alejandro Porqueras traslada a lóxica do fotograma ao espazo tridimensional mediante capas pictóricas superpostas, mentres que Héctor Orruño estuda a mímese, a opacidade e os limiares de relación en sistemas complexos. Marcos Burgos, pola súa parte, formula o deseño UX como unha estratexia de creación comunitaria orientada a novas redes sociais. José Enrique Mateo León modera a conversa que pecha o eixe.

O terceiro eixe, Desbordamentos disciplinares e metodoloxías máis-que-humanas, iníciase con Cristina Nieto, que presenta As sementes da casa, un proxecto colectivo de conservación da agrobiodiversidade no que converxen ciencia, cidadanía e arte. Rosemary Lee propón unha lectura matizada da intelixencia artificial que escapa á polarización do debate. Kurt Wesp desenvolve unha metodoloxía para usos non convencionais da tecnoloxía visual desde a pintura híbrida. Tatiana Lameiro aborda o libro de artista como espazo de materialidades relacionais, e Elsa Gil investiga o micodeseño como práctica de colaboración e coidado co micelio. Antía Iglesias recolle en Realidades húmidas a conversa final sobre o desbordamento tecno-biolóxico das disciplinas creativas.

En Prospeccións para unha ética da cohabitación, Miguel Sbastida reflexiona sobre as prácticas artísticas ambientalmente activadas e as súas metodoloxías para a restauración de arrecifes de coral. Gabriel Alonso entende o cambio climático como proxecto, non como accidente, e examina a ficción climática e as políticas da imaxinación. Miguel Trigo analiza a vivenda como bioma doméstico e cartografía da convivencia con materiais vivos. Vanessa Abolafio estuda a obra de Pierre Huyghe como un medio de cohabitación no que o vivo reconfigura a noción de obra. Finalmente, Gloria Santacruz explora as temporalidades profundas e a ética postnatural no cruzamento entre arte, ecoloxía e educación.

O volume péchase con Sobre derivas e camiños. José Enrique Mateo retoma os coñecementos situados para pensar a responsabilidade de preguntar. Ángeles Cancela Carral formula os desbordamentos entre arte, ciencia e enxeñaría forestal como unha vía cara a unha ecoloxía transdisciplinar do coñecemento. Por último, Ana Soler Baena conclúe cunha proposta ontoepistemolóxica biocreativa que articula o realismo axencial, a complexidade relacional e a filosofía da vacuidade.