multiple[x]
“Multiple[x] Complexidade e Sustentabilidade” é o resultado do proceso de evolución reflexiva e maduración de pensamento desenvolvido nos últimos tres anos polo grupo de investigación dx5 dixital & graphic art_research da Universidade de Vigo. Neste período desenvolveuse un proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, que profunda sobre dous conceptos que consideramos que se dan na arte contemporánea dunha maneira moi interesante e que teñen, desde o noso punto de vista, unha perspectiva de futuro importante. Os conceptos son COMPLEXIDADE Y SUSTENTABILIDADE. Cremos que a evolución foi transcendental e viaxou nos últimos anos do único-unitario, pasouse ao dicotómico, do dual ao múltiple, e do múltiple ao complexo (pensamento e produción). Habitamos desde sempre nun mundo complexo, e é desde a comprensión dese concepto de complexidade dunha maneira responsable onde acharemos, desde o noso punto de vista, a clave para a sustentabilidade futura do sistema. A episteme baseada nos modelos simplificados de coñecemento, na nosa opinión, foi incapaz de resolver as inconsistencias e os paradoxos que constantemente se presentan a niveis tanto teóricos coma prácticos.
Consideramos que a construción colectiva da experiencia achega percorridos máis ricos que tendan a ir aos poucos desterrando o mito da obxectividade xerarquizante como un modelo anticuado. Nesta ecuación, igualmente consideramos que a interacción da arte coa ciencia e outras disciplinas do coñecemento funciona como paradigma da disolución das fronteiras, actuando como un incentivador fundamental que nos sitúa nunha perspectiva multidisciplinaria para o maior avance de coñecemento. Explóranse temas relacionados coa arte múltiple para o terceiro milenio desde a visión da complexidade e da sustentabilidade; queremos repensar a complexidade como metodoloxía de investigación e produción na arte múltiple contemporánea; o diálogo de arte e ciencia enfocado a esbozar un futuro máis sustentable; a relación entre o PRODUTO e a SOCIEDADE; o papel das prácticas colaborativas e a xestión cultural responsable.
Reflexión, produción, mercado e consumo de arte múltiple desde a sustentabilidade.