non toxicprintmaking
Este proxecto explora as posibilidades de incisión por acción galvánica sobre ferros metálicos, e o seu uso para xerar matrices para a estampaxe artística mediante técnicas electrográficas e de galvanoplastia. O proxecto englóbase, á súa vez, dentro da procura de solucións aos métodos de gravado non tóxico que pretende dotar a artistas dunha posibilidade simple, sinxela, altamente creativa, inocua para a saúde e de baixo custo, de gravar pranchas de cobre e de zinc por medio da electricidade en baño electrolítico e por acción galvánica directa sen inmersión. Este sistema posibilita, á súa vez, non só a ablación ou a retirada de material, senón tamén a adición e o recubrimento metálico, e dá como resultado unha infinidade de aplicacións artísticas.
“Aplicación de la electrolisis y la galvanoplastia en las Bellas Artes” é o último proxecto finalizado. Unha nova publicación que, baixo o título <em>”Ánodo-Cátodo. Electrólisis y Galvanografía. La Memoria Química Esculpida por Electrones”</em>,recolle as conclusións e os logros científicos deste proxecto. Financiado no seu primeiro estadio pola Consellería de Innovación, Desenvolvemento e Industria da Xunta de Galicia durante o período 2009- 2012 (dentro do Programa de axudas de investigación fundamental do plan INCITE), ten continuidade co proxecto «Aplicacións da industria para unha nova arte gráfica contemporánea. Novas tecnoloxías da imaxe múltiple, gravado non tóxico e sustentabilidade» do Plan nacional de I + D + I 2008-2011 do Ministerio de Ciencia e Innovación.
Dentro da tripla vertente que articula o traballo investigador do grupo dx5 dixital & graphic art_research (teórico-conceptual, artístico-práctica e científico-técnica), este proxecto inscríbese nas liñas de investigación “Da pegada incisa ao gravado con luz; electricidade e xeración de imaxes” e “Sistemas de sustentabilidade e enerxías renovables aplicadas á arte contemporánea”, que dun xeito global concentran as diferentes iniciativas de corte científico-técnico levadas a cabo polo grupo dx5 nos últimos anos.
Entre os principais obxectivos dos diferentes proxectos de investigación do grupo dx5 atópase o total abandono da insalubridade producida polas técnicas tradicionais de mordida e de ablación con ácidos e mordentes químicos. As alternativas de gravado non tóxico desenvoltas e perfeccionadas polo grupo dx5 evitan o posterior proceso de reciclaxe de residuos altamente perigosos e de difícil e custoso saneamento, nun cambio de paradigma por outro como os que ofrecen a galvanografía e a electrólise, que poden empregar métodos e sistemas non insalubres e sen reciclaxe ningún, xa que os electrólitos non se esgotan no proceso e non hai necesidade de substituílos.
Obxectivos específicos:
-Optimización de sistemas electrolíticos e de acción galvánica para usar nos talleres de artes gráficas, para o gravado e os recubrimentos en belas artes e para a produción multidisciplinaria de obras de arte.
-Mellorar os sistemas de recubrimento e de protección dos ferros metálicos e determinar os mellores electrólitos en termos de sustentabilidade e os máis baratos e alcanzables para artistas e sectores industriais de produción non masiva.
-Xerar métodos de gravado de ferros con sistemas que empreguen a electricidade como mordente.
-Implementación e adecuación de materiais xa dispoñibles na industria para producir obras de arte gráfica contemporánea.
-Estudo e perfeccionamento das técnicas de recubrimento por acción galvánica, para que se poidan empregar na práctica artística da obra de arte actual.
-Profundar na investigación de técnicas contemporáneas de gravado non tóxico.
-Xerar unha alternativa, barata, rápida e eficiente fronte aos métodos de mordida con
ácidos e sales convencionais, como opción ás técnicas tradicionais, moito máis
contaminantes e insalubres.
-Combinación con outras técnicas máis actuais non tóxicas.
-Perfeccionar os resultados plásticos das obras de arte gráfica abríndolles novas
posibilidades técnicas aos artistas grazas a novos procedementos máis precisos.
Desenvolvemento da investigación:
O obxectivo do presente proxecto de investigación céntrase nos aspectos e nas aplicacións da electrólise e na acción galvánica, destinadas á utilización nos talleres de artes gráficas e principalmente para o gravado e os recubrimentos en belas artes.
O proxecto pretende profundar, dunha parte, nas posibilidades da incisión por acción galvánica sobre ferros metálicos. Ao mesmo tempo, este sistema posibilita non só a ablación ou a retirada de material, senón tamén a adición e o recubrimento metálico, o cal permite unha infinidade de aplicacións artísticas.
Dentro do campo específico das belas artes, a implementación e o perfeccionamento dos recursos que nos ofrece esta tecnoloxía permite alcanzar unha mordida eficaz, limpa e cálida, que iguala ou mellora as alternativas actuais. Entre as súas principais vantaxes, destaca que é fisicamente controlable, que permite grande exactitude nos acabados e que pode empregar materiais xa dispoñibles na industria de placas de conxuntos de circuítos, así como placas metálicas convencionais, entre as que se atopa o cobre, o zinc, o aluminio ou o aceiro inoxidable. Ademais, trátase ante todo dunha técnica de gran versatilidade, que permite o recubrimento de calquera material, como fibras sintéticas, papel, coiro, teas tratadas etc., para que se poidan empregar na práctica artística da obra de arte actual. A optimización desta técnica industrial constitúe unha alternativa barata, rápida e eficiente fronte aos métodos de mordida con ácidos e sales convencionais, especialmente en combinación con outras técnicas máis actuais non tóxicas, como os fotopolímeros, a ablación láser, os recubrimentos de vinilo e a serigrafía dixital.
Entre as principais vantaxes deste procedemento destacan:
-Mordida impecable da corrosión electrolítica que é perpendicular á superficie do ferro, un fenómeno que proporciona liñas limpas e brillantes. Así pois, a mordida non socava o metal por baixo da capa de verniz que rompería o seu bordo, como si sucede con algunhas técnicas tradicionais. As liñas tramadas non tenden a fusionarse, rómpense e orixinan as desagradables calvas. A estrutura do metal xera unha superficie rugosa no fondo das tallas que facilita a retención de tinta nas liñas máis anchas.
-A cantidade de ións de metal disoltos non cambia, en canto o baño electrolítico é reutilizable. Este equilibrio e estabilidade na disolución permítenos calcular os tempos de mordida con maior exactitude ca no caso dos ácidos.
-Os ferros de zinc con restos de electrólitos poden ser lavadas directamente nas
estudo con auga corrente, xa que os restos son inocuos para os sistemas fitosanitarios e os acuíferos. Non sucede así cos ferros con restos de sulfato de cobre. Seguimos investigando este punto da reciclaxe ata chegar ao nivel óptimo que permita alcanzar as conclusións adecuadas de contaminación cero.