macrocosmos -microcosmos
Este proxecto, en continuidade con actuacións anteriores do grupo de investigación dx5, centrouse na investigación e desenvolvemento de solucións para as técnicas tradicionais de gravado artístico, buscando alternativas químicas e físicas, viables e de desenvolvemento sustentable, dentro dos sistemas de gravado non tóxico. Os coñecementos adquiridos en investigacións realizadas con anterioridade permitiron alcanzar fitos científicos notables, consolidando o grupo dx5 como un referente do gravado non tóxico e a gráfica de campo expandido entre os equipos de investigación das universidades e dos centros tecnolóxicos españois. Este proxecto beneficiouse das Axudas para a “Consolidación e a Estruturación” de unidades de investigación competitivas do sistema universitario de Galicia (2012) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria..
A nosa determinación por profundar no coñecemento e na aplicación útil e eficaz de sistemas de gravado non tóxico, que non é furtiva nin responde a modas imperantes, débese en gran medida a un modesto intento por resolver a perenne cuestión da toxicidade e da insalubridade proveniente do gravado con ácidos e a estampaxe axudada polo emprego de disolventes volátiles, altamente nocivos para a saúde e impensables hoxe en día, tanto para a actividade creativa dos artistas do medio coma na propia docencia universitaria. Os talleres artísticos e de artes gráficas empregaron tradicionalmente sistemas cun alto custo ambiental. Aínda que a industria moderna terminou por atopar e implementar (non totalmente) alternativas a estes sistemas, os talleres artísticos tradicionais e algunhas escolas, centros de ensino e facultades de belas artes aínda continúan aferrándose en moitos casos ás alternativas tradicionais cos graves inconvenientes en saúde, reciclaxe e seguridade laboral que carrexan. As persoas usuarias habituais, docentes, artistas e persoal investigador que tras anos de dedicación coñecemos de preto o mundo das técnicas gráficas sabemos de primeira man os riscos de traballar con estes elementos altamente contaminantes. A almacenaxe, a reciclaxe de disolventes e de ácidos xa utilizados é un problema de difícil solución e que xera gastos adicionais e un custo en saúde do usuariado que conduciu á necesaria procura doutras técnicas máis limpas tanto para os axentes coma para o medio natural.
Este proxecto permítenos coñecer as diferentes técnicas gráficas dun modo nunca visto con anterioridade, e profundar nas súas peculiaridades desde a microanálise de decenas de mostras de cada unha delas.
O gravado contemporáneo visto de preto: óptica, química e nanotecnoloxía
Grazas ás facilidades e ás instalacións ofrecidas no C.A.C.T.I. (Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación) da Universidade de Vigo, a investigación vai dirixida a elaborar un manual que recolla de maneira exhaustiva e desde unha perspectiva científica a praxe da gráfica contemporánea.
Con este proxecto expomos coñecer o microcosmos da química dos procesos de gráficos (gravado, litografía, serigrafía, técnicas dixitais, fotopolímeros etc.) a través de fotografías ao microscopio electrónico, microanálise e algúns estudos no laboratorio de nanotecnoloxía, o comportamento de diversos materiais habituais como resinas, vernices, ácidos, pigmentos, tintas, aceites etc.
Isto contribuirá, desde o coñecemento, a profundar na microrrealidade da gráfica contemporánea desde a súa perspectiva máis científica, á vez que axudará nos futuros labores de restauración e de conservación da obra impresa.
Conceptos tratados no proxecto:
– Análise microscópica: análise física, análise química
– Alquimia e procesos de manipulación en gravado
– Procesos de incisión directa ou indirecta
– Ácidos, ferramentas e soportes
– Procesos e resultados, causa e efecto
– Imaxes latentes e reaccións químicas
– Precaucións e toxicidades propias dos materiais do gravado
Obxectivos específicos. No curso da investigación preténdese:
– Analizar química e microscopicamente os distintos soportes que comunmente se empregan como matriz, así como visualizar e obter información precisa dos distintos estadios que atravesa unha matriz antes de ser estampada.
– Obter información físico-química concreta sobre a natureza específica das distintas substancias empregadas na gráfica tradicional e contemporánea.
– Coñecer cientificamente as súas aplicacións do ámbito gráfico, os seus compoñentes químicos, a súa estrutura molecular e os seus cambios de estado.
– Obter información microscópica sobre a forma e a composición elemental de cada un dos materiais, complementar esta información con análises químicas e microanálise que proporcionen datos precisos sobre a composición atómica e molecular exacta das substancias.
– Coñecer as reaccións de oxidación-redución utilizados en gráfica.
– Establecer as toxicidades (irritantes, abrasivos) e precaucións (perigo con outros reactivos; inflamación, gases) propias da práctica gráfica que implica o manexo de substancias diversas e nalgúns casos altamente nocivas, o que permitirá a manipulación adecuada de cada un deles.
– Alcanzar un coñecemento preciso sobre o modo en que as distintas substancias actúan sobre os distintos soportes, nos sucesivos estadios e fases de elaboración, así como nos diferentes estados físico-químicos que poida presentar nos sucesivos estadios do proceso.
– Relacionar eses procesos coas características gráficas que presentará a matriz, tanto como imaxe en si mesma coma imaxe que será transferida a un soporte definitivo (papel). – Obter maior información dos resultados gráfico-plásticos e as súas alternativas, así como da combinación de medios, a través do entendemento profundo do que pasa nas superficies sobre as que pode gravarse unha imaxe.
– Profundar no coñecemento da química específica, da alquimia propia do gravado, tanto nos seus procesos históricos coma nos modos de operar da industria máis adecuados aplicados ás belas artes.
– Optimizar desde o coñecemento científico, a relación do gravador coa súa contorna, o taller gráfico e as accións de cada material sobre os soportes e nos estadios correspondentes.
– Establecer unha relación coherente de todo o anterior coa historia do gravado: descubrimento de novas técnicas, melloras cualitativas, cambios nos materiais e procesos, maior ou menor implantación técnica.
– Poder coñecer e recoñecer os distintos materiais mediante as características que os fagan recoñecibles, tamén nas distintas aparencias e presentacións no mercado, axustando cada tipoloxía co seu uso específico.
– Facilitar o proceso de traballo no taller, identificando as substancias que polo tempo ou un uso inadecuado modificaron as súas características específicas.
– Definir as substancias (clasificación científica e en mercado, orixe, extracción/transformación) de modo que sexan recoñecibles e se facilite o mantemento dun taller gráfico, no que se refire a subministracións, necesidades de almacenamento etc.
Conclusións:
O libro titulado“Ánodo-Cátodo. Electrólisis y Galvanografía. La Memoria Química Esculpida por Electrones” recolle no seu segundo capítulo as principais conclusións e logros científicos deste proxecto e estrutúrase en tres partes ben diferenciadas, que coinciden coas formulacións programáticas do grupo dx5. Este tres enfoques, teórico-conceptual, científico-técnico e artístico-práctico, reflíctense nas tres grandes seccións que articulan este libro.