_macrocosmos - microcosmos

_ Disciplinas

Gravado non tóxico
Electrografía

_ Desenvolvemento e execución

2012 - 2014

macrocosmos-microcosmos

Este proxecto, en continuidade con actuacións anteriores do grupo de investigación dx5, céntrase na investigación e no desenvolvemento de solucións para as técnicas tradicionais de gravado artístico, buscando alternativas químicas e físicas, viables e de desenvolvemento sustentable, dentro dos sistemas de gravado non tóxico. Os coñecementos adquiridos en investigacións realizadas con anterioridade permitiron alcanzar fitos científicos notables, consolidando o grupo dx5 como un referente do gravado non tóxico e a gráfica de campo expandido dentro os equipos de investigación das universidades e dos centros tecnolóxicos españois. Este proxecto beneficiouse das axudas para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas do sistema universitario de Galicia (2012) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

_SOBRE O PROXECTO

A nosa determinación por profundar no coñecemento e aplicación útil e eficaz de sistemas de gravado non tóxico - que non é furtiva nin responde a modas imperantes - débese en gran medida a un modesto intento por resolver a perenne cuestión da toxicidade e insalubridade que provén do gravado con ácidos e a estampaxe axudada polo emprego de disolventes volátiles, altamente nocivos para a saúde e impensables hoxe en día, tanto para a actividade creativa dos artistas do medio, como na propia docencia universitaria.

_O gravado contemporáneo visto de perto

Con este proxecto expomos coñecer o microcosmos da química dos procesos de gráficos (gravado, litografía, serigrafía, técnicas dixitais, fotopolímeros, etc.) a través de fotografías ao microscopio electrónico, microanálisis e algúns estudos no laboratorio de nanotecnoloxía, o comportamento de diversos materiais habituais como resinas, vernices, ácidos, pigmentos, tintas, aceites, etc.

Isto contribuirá, desde o coñecemento, a profundar na microrealidade da gráfica contemporánea desde a súa perspectiva máis científica á vez que axudará nos futuros labores de restauración e conservación da obra impresa.

Grazas ás facilidades e instalacións ofrecidas no C.A. C. T.I. (Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación) da Universidade de Vigo, a investigación vai dirixida a elaborar un manual que recolla de maneira exhaustiva e desde unha perspectiva científica, a praxe da gráfica contemporánea.

Este proxecto permítenos coñecer as diferentes técnicas gráficas dun modo nunca visto con anterioridade, e profundar nas súas peculiaridades desde a microanálise de decenas de mostras de cada unha delas

_Conclusións

O libro titulado "Ánodo-Cátodo. Electrólisis y Galvanografía. La Memoria Química Esculpida por Electrones" recolle no seu segundo capítulo as principais conclusións e logros científicos deste proxecto. "Ánodo- Cátodo, la memoria química esculpida por electrones" estrutúrase en tres partes ben diferenciadas, que coinciden coas formulacións programáticas do grupo dx5 e coa maneira na que, case sempre, abórdanse os proxectos de investigación desenvoltos por este equipo. Estes tres enfoques - teórico-conceptual, científico-técnico e artístico-práctico - reflíctense nas tres grandes seccións que articulan este libro.

Esta web usa cookies. Si continúas navegando estás dando su consentimiento para la aceptación de esas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies