impresiónpiezoeléctrica
a estampainxectada
O proxecto «Impresión piezoeléctrica. La estampa inyectada», cofinanciado pola Universidade de Vigo, a Dirección Xeral de I + D da Xunta de Galicia (programa Xunta-UVI 2006-2007) e EPSON Ibérica SAU, entre os anos 2005 e 2007, destinouse a unha investigación en profundidade sobre a impresión dixital por medio de plotters de gran formato coa tecnoloxía de cabezais micropiezoeléctricos de inxección por demanda e goteo variable. Este proxecto, sen dúbida un dos máis importantes para o grupo dx5 nos seus primeiros anos por difusión, proxección nacional e envergadura, xurdiu da sinatura en 2004 dun contrato de investigación entre o grupo dx5 da Universidade de Vigo e EPSON IBÉRICA SAU: «Aplicación de las impresoras EPSON gran formato en bellas artes» (Referencia CO-12705).
Esta investigación sobre a impresión micropiezoeléctrica xorde da necesidade de atopar métodos e solucións que nos acheguen un medio eficaz e cualificado de obter imaxes
impresas sorteando a utilización das formas tradicionais de gravado e estampaxe, pero obtendo estampas de alta calidade. Por outra parte, é un intento por implementar melloras substanciais mediante a exhaustiva microanálise, tanto na impresión de diferentes papeis ou medios-soporte coma na durabilidade e na conservación das impresións realizadas por medios dixitais.
Desenvolvemento do proxecto e obxectivos específicos
Pensamos que a arte gráfica contemporánea que se move impulsada por estéticas, modos de pensamento e contornas gráficas dixitais para levar a cabo os devanditos proxectos, acordes co noso tempo, ten nestas ferramentas dixitais un medio moi válido para formular propostas, resolver incongruencias e pór ao día conceptos como o de
orixinal-múltiple, diversificación de medios e soportes, e tamén a espiñenta cuestión da interdisciplinariedade e a mestizaxe tanto técnica coma conceptual.
Así, unha máquina que nos permita debuxar de modo tan filiforme como queiramos, cunha precisión e esquematismo perfectamente adaptados á contorna proxectual, resolutiva e xestual do esquerzo, sérvenos tamén para imprimir fotografías con resolucións que soportan a visión dun contafíos, e ao mesmo tempo obter estampas con calidades de negros de veludo e todos os tons de augatintas que non desmerecen os mellores doutras técnicas tradicionais. Por tanto, esta realidade precisa baseada no razoamento histórico que fai inseparables debuxo, pintura e gravado, non é máis ca a evolución lóxica do devandito proceso que comezou hai xa dous milenios en China, e que desde oriente viaxou co concurso dos árabes a España e desde aí a toda Europa en forma de papel impreso.
Ademais e dado que a industria da impresión realizou grandes avances neste campo, a calidade das tintas, papeis e resolucións provennos de ferramentas moi útiles e limpas
que nos impulsaron a colaborar con eles na adecuación das devanditas máquinas aos usos que artistas e creadores gráficos necesitan no seu labor plástico. No curso da devandita investigación realizáronse multitude de probas mecánicas e de microscopia, así como análises de todos os papeis dispoñibles na data no mercado nacional e europeo para impresión en belas artes, xunto cos máis representativos de Xapón. De forma paralela, levaron a cabo estudos sobre as tintas de inxección, os seus compoñentes pigmentarios, cosolventes e médiums etc., así como as reaccións nos diversos soportes analizados. Entre outros logros, redeseñáronse as condicións de impresión, secado, absorción e preparación para o seu óptimo emprego nas belas artes. Así mesmo, a investigación descrita veu acompañada dun estudo dos índices de
conservación e tolerancia das impresións aos raios ultravioleta e a durabilidade destas, tanto en condicións de arquivo coma nas exhibicións que expoñen as obras a axentes
contaminantes, gases, humidade etc. Todo iso encadrado no avance dos rendementos, non só atendendo a criterios técnicos, senón tamén estéticos e artísticos, considerados
sempre dentro do marco deseñado para a mellor optimización.
Os tests realizados no departamento de microscopia do CACTI da Universidade de Vigo, así como nos laboratorios de EPSON en Nagano-Xapón, constituíron unha primeira
colaboración interdisciplinaria de vital importancia práctica para este proxecto e os vindeiros, do mesmo xeito que o contacto con fabricantes de papel como Hannemühle e Somerset en Europa, ou os papeis de Awawami Factory en Awa-Yamagawa (Tokushima, Xapón).
Nesta colaboración achegáronse solucións desde o noso grupo que permiten o recubrimento dos seus papeis washi de fibra de kozo con dextrinas e silicatos de aluminio
e/ou titanio, moi eficaces para lograr uns mellores resultados de impresión dixital. As citadas solucións xa se están pondo en práctica por eles neste momento, despois do noso encontro de persoas investigadoras realizado na Yamagawa Awawashi Factory en Shikoku (Xapón) en outubro de 2006.
Este proxecto é de vital importancia para resolver inconsistencias, mellorar as formulacións e adaptar as citadas máquinas a unha utilización de excelencia, que dote
dunha guía de uso cun abano amplo de posibilidades que abarquen tanto a docencia coma a creación gráfica en belas artes.
Neste proxecto non se trataba por tanto de facer un manual de utilización, nin tan sequera un formulario químico, nin tampouco un elenco de papeis óptimos para a impresión, senón un compendio o máis completo posible, razoado e explicado de como obter un medio moito máis amplo e flexible dos procesos de estampaxe e impresión dixitais por medio de sistemas de inxección piezoeléctrica. Deste xeito, poder obter orixinais múltiples, que cumpran os requisitos dunha obra de arte gráfica actual, e que lle permita ao artista que se achega a el poder adaptalo ás súas necesidades de expresión coñecendo os parámetros algorítmicos, químicos etc.
Conclusións e experiencia
Como conclusión deste proxecto, publicouse un libro cos principais resultados obtidos no estudo e presentouse oficialmente entre a comunidade artística e científica, anterior á súa comercialización, na Feira Internacional de Estampa 2006. A publicación, que leva por título La impresión piezoeléctrica: la estampa inyectada. Algunas reflexiones sobre la gráfica digital conseguiu unha acollida sobresaínte, ao non existir ata esa data un precedente de estudo que tratase un tema tan pertinente con tanto rigor e profundidade, nin que achegase este tipo de material documental para artes gráficas industriais ou para o mundo das belas artes. O libro atópase nas librarías e bibliotecas especializadas de toda España. Ao longo de 500 páxinas recolle abundante material fotográfico (máis de 1500 imaxes) de preto de duascentas mostras de microscopia electrónica de varrido das probas de impresións realizadas cun plotter de nova xeración e alta resolución e calidade, en todos os papeis artísticos dispoñibles no mercado europeo na data do estudo, e os papeis washi con preparación para inkjet comercializados en Xapón.
Á luz dos resultados do traballo, vímonos sorprendidos por multitude de detalles que nalgúns casos eran vistos como defectos de impresión e que, pola contra, algúns artistas se sentían atraídos polo resultado; noutros casos sucedía ao revés, o que era considerado tecnicamente ben estampado resultaba talvez demasiado pulcro para certas
estéticas ou visións plásticas. En todos os casos, buscouse ampliar o horizonte de posibilidades, ata onde se puido, para dotar dun espectro de posibilidades, que dea
liberdade de uso a quen imprime as súas obras neste medio.
Tratouse, en todo caso, de probar e someter a estudo gran cantidade de papeis, fibras, aglutinantes, recubrimentos e estucados, practicamente todos os dispoñibles no mercado español para belas artes de calidade suficiente e gran parte dos dispoñibles en Europa,así como algúns procedentes de Xapón. As inspeccións en microscopia electrónica de varrido, retrodispersados e outras técnicas de visión e análise molecular, revelaron datos interesantísimos, que nos dota de respostas a certas incógnitas de grande utilidade no labor creativo coas devanditas máquinas, pero sobre todo abren a porta á adaptación deste medio ás necesidades, ás veces diferentes, controvertidas e transgresoras, con que os artistas nos achegamos a calquera proceso creativo. Sobre todo diferentes á visión técnica e comercial que actualmente posúen as empresas do sector. Tamén as composicións das tintas, os sistemas de inxectado e os procesos relativos á mellora dos seus elementos, dispersantes e tixotrópicos, absorción e magnetización, foron esmiuzados ata chegar a un coñecemento profundo das súas calidades e posibilidades.
En último lugar, realizáronse tests de durabilidade e exposición aos diferentes elementos oxidantes e abrasivos do noso ambiente, cando as citadas obras se exhiben e mostran a luz, o aire e a deterioración do tempo, de cara a dotar a museos e institucións das mellores opcións e solucións de protección, restauración e conservación da obra gráfica dixital impresa desde un estudo serio e profundo adaptado a necesidades reais.
Os resultados non soamente sorprenderon a uns e outros, senón que sentaron as bases dos métodos de impresión piezoeléctrica sobre materiais non fabricados ex professo,
adaptándoos cunhas preparacións adecuadas ao medio para inxectar, e que investigadores e investigadoras contemporáneos da categoría de Adam Lowe empregan no seu taller profesional de impresión Permaprint de Londres e Factum Art en Madrid. O interese deste traballo non reside unicamente na mellora da tecnoloxía existente, senón na aplicación e no coñecemento para adaptar papeis e soportes artísticos non pensados con anterioridade para a súa aplicación en inxección piezoeléctrica e que poidan ser
impresos por este medio. A todo iso súmanse, ademais, os avances introducidos nas tintas: fabricadas con disolventes á auga, substituíronse paulatinamente as anteriores
tintas, que empregaban disolventes volátiles (VOCS), altamente tóxicos. Esta e outras actuacións englóbanse nos esforzos do grupo dx5 por avanzar cara a unha arte gráfica
sustentable e a consolidación de sistemas de gravado non tóxico.
Os resultados de toda a investigación presentáronse conxuntamente coa publicación citada anteriormente no curso dunha xornada de conferencias organizadas no marco da
Feira Internacional de Gráfica Contemporánea Estampa 2006 (cuxo evento alcanzou a cifra de 70 000 visitantes nese ano), a participación cunha caseta na Feira de Estampa, a
inclusión no catálogo desta, así como numerosas notas de prensa e recensións en xornais, revistas e publicacións especializadas. Na caseta do grupo dx5/Epson, ademais
de recoller os resultados teórico-técnicos da investigación, presentouse unha exposición coas obras de 25 artistas relevantes do panorama nacional, incluídos todos os membros do grupo dx5. As obras foron realizadas ex professo para o devandito proxecto expositivo, servíndose para iso do equipo de impresión e do plotter co que conta o grupo de investigación nas súas instalacións da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. As obras foron publicadas no libro citado anteriormente, que se presentou durante o ciclo de conferencias organizadas nesta contorna, ás que asistiron importantes institucións de arte gráfica e contemporánea como a Fundación Miró de Palma de Mallorca, a Calcografía Nacional, o Centro Internacional de la Estampa Contemporánea de Betanzos, o Museo del Grabado Español Contemporáneo de Marbella ou o Museo de Arte contemporánea de Vilanova de Cerveira, entre outros.