on prints minded
gráfica contemporánea
de campo expandido
“On Minded Prints” inscríbese na actividade editorial iniciada no ano 2004 polo grupo dx5 dixital & graphic art_research da Universidade de Vigo, dentro das liñas teórico-conceptuais. Trátase de darlle continuidade á metodoloxía defendida e posta en práctica polo equipo de investigadores e investigadoras, artistas e docentes deste grupo de investigación.
On minded prints é, ante todo, un proxecto editorial con vocación comunicadora, didáctica e eminentemente divulgativa, que tenta aproximarse ao significado da obra gráfica, estudada dende o seu sentido máis amplo, en España durante os últimos anos do século xx e a primeira década do terceiro milenio. Trátase de trasladar, en definitiva, unha maneira de concibir a arte contemporánea dende o prisma e a nomenclatura da arte gráfica; unha arte que redefine, en moitos casos, as estratexias de comercialización e o concepto de autoría tradicionais.
A fin de realizar unha recompilación o suficientemente ampla, plural, representativa e imparcial, o grupo dx5 delegoulle dende o primeiro momento a citada selección a un equipo formado por cinco curadores españois de recoñecido prestixio e dilatada traxectoria (Javier Blas, Miguel Cereceda, Iván da Torre Amerighi, Rafael Doutor e Santiago Eraso), aínda que as directrices conceptuais –plasmadas en forma de binomios na portada da publicación que nos ocupa– foron definidas e supervisadas en todo momento polo equipo do dx5. Cada un deles, á parte de pola súa contrastada valía, foi seleccionado por ofrecer unha visión xenuína e complementaria á dos restantes comisarios; dende o coñecemento e a experiencia na arte gráfica ao uso e ás implementacións contemporáneas radicalmente vangardistas, ata as manifestacións máis underground, reivindicativas, contestatarias e formalmente marxinais –moi activas e representativas, pero afastadas do circuíto museístico máis tradicional– pasando por aproximacións a partir da creación videográfica, a instalación multimedia ou a escultura de gran formato. Todo iso, en definitiva, materializacións dese espírito de imaxe gráfica intanxible propugnada como paradigma dende o grupo dx5.
ficha técnica
Autoría: VV. AA.
Data da 1.ª edición: marzo de 2011
ISBN 13: 978-84-614-7535-3
Edición: grupo de investigación dx5 da Universidade de Vigo
Medidas: 19,5 x 25 x 3,5 cm
Páxinas: 368
Impresión: cuatricromía e vernizado
Encadernación: cartoné
Lingua: castelán e inglés
Distribución: Comanegra