Unha ollada transdisciplinar
_SINOPSE
Manga + Anime. Unha ollada transdisciplinar é un volume colectivo enfocado ás novas xeracións de investigadores hispanofalantes de manga e anime. Coa selección de capítulos proposta, este libro trata de ofrecer unha aproximación ampla aos estudos sobre manga e aos estudos sobre anime, así como ás imbricacións e cruzamentos que se producen habitualmente entre ambos. Así, abórdanse o manga e o anime como formas mediáticas; sempre —como o propio título indica— desde unha ollada transdisciplinar, pero ao mesmo tempo intentando delimitar unha forma de entender os estudos sobre manga e anime na que se presta especial atención aos aspectos materiais, formais, estéticos ou textuais, sen esquecer as dinámicas de categorización, produción, distribución e consumo.É unha aproximación que atende á dimensión mediática do anime e do manga, en detrimento daqueles análises que privilexian os aspectos representacionais e que ata o de agora dominaron, de maneira abrumadora, os estudos de ambos os medios.
_ORIXE
O xerme deste volume xorde coa celebración en Pontevedra, no mes de marzo de 2019, do V Foro Internacional de Creación na Fronteira; un simposio académico que contou coa presenza dunha ducia de investigadores de todo o mundo, especialistas en estudos sobre manga e anime, e que se formulou xa entón como un encontro verdadeiramente transdisciplinar. Neste coloquio de 2019 chegamos á conclusión de que os cruzamentos entre investigadores con formación interdisciplinar e variada non só permiten sinerxías ricas en matices e colaboracións interesantes para os estudos sobre manga e anime, senón que son, ademais, pertinentes, xa que tenden a ofrecer olladas complementarias que todos nós, dada a especificidade dos nosos respectivos campos de traballo, tendemos involuntariamente a pasar por alto. Así pois, os autores que colaboran nos capítulos deste libro proceden de ámbitos diversos como as Belas Artes, a Estética, a Historia e a Historia da Arte, a Biblioteconomía e Ciencias da Información, a Socioloxía, a Narratoloxía, a Filosofía, os Estudos Culturais ou a Literatura Comparada, entre outros.
_ENFOQUE
Esta publicación nace cunha dobre intención. O seu primeiro propósito é ofrecer unha selección de capítulos interdisciplinares de autores novos, de lectura e referencia obrigadas para aqueles investigadores que se inician nos estudos sobre manga e anime. Preténdese dirixir a ollada dese lector debutante cara a unha escolma de textos que se afastan dos estudos de área e das lecturas representacionais de determinados títulos de manga ou anime, para defender o estudo do manga e/ou do anime como formas mediáticas e desde a súa especificidade estética e material. Igualmente importante, a segunda finalidade deste libro é tender pontes e fomentar o diálogo e a comunicación coa crecente e vibrante comunidade de Estudos sobre Manga e Anime en América Latina, que sirva ao mesmo tempo para reivindicar a investigación que se está a levar a cabo no espazo académico hispanofalante.
Así mesmo, non se intentou categorizar este volume baixo o acrónimo manganime, senón que se insiste en presentar ambos os medios como entidades separadas que, aínda con profundas imbricacións, posúen plena autonomía. Deste xeito, cremos que este enfoque evita caer en xeneralizacións e lecturas reducionistas, sen renunciar aos solapamentos e diálogos transversais inherentes aos estudos sobre manga e anime.
_CONTIDO
Os capítulos deste volume examinan doce aspectos diferentes dos estudos sobre manga e anime. A primeira metade do libro céntrase no medio audiovisual, abordando cuestións como a propia noción de anime e a súa inserción no contexto dos estudos xaponeses, ou a importancia de analizar a especificidade técnica e material desta forma mediática, até o papel das producións animescas ou as yuxtaposicións con outros medios como os videoxogos ou a banda deseñada. Na segunda metade cédese o protagonismo ao manga, e explórase a súa posición nun escenario transnacional, ademais de tratar aspectos formais e materiais como a estrutura da páxina, o fluxo narrativo entre as diferentes viñetas ou a especificidade no uso das onomatopeas e dos evocativos, entre outros temas.
ficha técnica
Título: Manga + Anime. Unha ollada transdisciplinar.
Editor: José Andrés Santiago Iglesias.
Autores: Jaqueline Berndt, Alba Torrents García, Stevie Suan, Minori Ishida, Manuel Hernández-Pérez, Selen Çalık Bedir, Olga Kopylova, Ziltan Kacsuk, Dalma Kálovics, Blanche Delaborde, Jessica Bauwens-Sugimoto, José Andrés Santiago.
Edición: rústica con solapas. 368 pp. Color 4 tintas. 170 x 230 mm
Editorial: Satori
Ano: 2025
ISBN: 978-84-10404-03-8
Tirada: 320 exemplares
Papel: offset superior 120 grs.
Portada: cartulina gráfica 2/C 300 grs. Laminado mate aterciopelado.


