del cuadro flotante a la
viñeta japonesa
Nun sentido estrito, manga é o nome que recibe o cómic no Xapón. Con todo, tal e como se manifesta na investigación recollida nesta publicación, esta definición é moi concisa e non representa, senón de xeito superficial, a verdadeira dimensión da realidade á que alude.
O manga é a manifestación cultural máis importante no Xapón. Esta importancia non pode entenderse senón como consecuencia lóxica da súa omnipresenza en todas as facetas da vida diaria e laboral, tanto polo inxente volume de negocio que representa coma pola capacidade de impregnar outros medios: cinema, televisión, literatura, publicidade, educación, deseño ou moda. Manifestacións sumamente dispares e de diferente acollida cultural únense ao manga en desigual simbiose para chegar á xente. Nesta transferencia radica un dos grandes potenciais e valores do manga: a súa capacidade para influír en manifestacións máis selectas ao ser un medio popular e de masiva diversificación.
Con todo, esa mesma popularidade empezou a estenderse máis aló das fronteiras do Xapón, no ámbito comercial –xerando novas persoas consumidoras cada día– e incrementando a permeabilidade antes referida cara a outros medios culturais. Nos últimos anos viuse como o manga empeza a influír os e as debuxantes de cómic europeos e americanos e, como xa ocorría no Xapón en décadas anteriores, no cinema e na animación occidentais, na publicidade ou na moda. Na última década Occidente empezou a descubrir que Xapón, máis aló do seu alto potencial tecnolóxico e industrial, é un exportador cultural de primeira magnitude, que ten no manga un dos seus principais activos. O crecente entusiasmo e paixón das persoas afeccionadas occidentais por este medio radicalmente xaponés ilustran a evolución do mercado do cómic no ámbito global. Neste sentido, o manga preséntase como o cabalo de Troia dunha terceira onda de xaponismo cultural, tras o éxito das estampas Ukiyo-e durante os anos das vangardas e a filosofía zen nos anos sesenta.
Por que este éxito do manga? Quizais parte del estriba na súa especificidade xaponesa, na súa capacidade de conxugar, sen perder a súa identidade, o xenuinamente nipón cun crecente sentimento apátrida. O manga é un medio que mira cara a dentro –profundando na tradición histórica e cultural nipoa– pero tamén cara a fóra. A nivel artístico, Xapón sempre se recoñeceu pola tradición das súas pinturas e xilografías Ukiyo-e, pola poesía haiku, as artes marciais, a cerámica ou a filosofía zen. No último medio século o estandarte das manifestacións artísticas nipoas recaeu sobre a súa arquitectura, reflexo da simbiose existente entre o antigo e o novo, no deseño, a moda ou os xardíns, a miúdo todos eles recollidos en publicacións de arte nacional. A literatura e o cinema tamén foron recoñecidos dentro e fóra do Xapón, aínda que quizais en menor medida, por ser ambos os medios de expresión de maior difusión popular. Con todo, durante as últimas décadas veuse omitindo desta singular clasificación cultural a que sen dúbida é a súa manifestación principal, o manga, que hoxe en día moitas persoas consideran como o medio xaponés por antonomasia.
Cabe, pois, preguntarse se o manga se pode considerar como un novo referente cultural e artístico no século XXI, e indagar acerca dos motivos que xustifican este recoñecemento. A revolución estética impulsada polo manga xaponés nace da súa capacidade innata para influír en ámbitos creativos moi dispares, moitos deles foráneos, como outrora sucedeu co Ukiyo-e, o haiku ou o cinema de Akira Kurosawa. Os condicionantes que subxacen baixo o notorio éxito do manga no Xapón e en Occidente, a pesar das evidentes diferenzas na linguaxe e os referentes culturais, e os motivos de por que se debe considerar un medio xenuíno e independente per se son obxecto deste estudo. Ao longo del téntase analizar en profundidade a evolución e a influencia do manga, realizando un completo percorrido a través da diversidade de xéneros que o caracterizan, da súa morfoloxía, así como pola multiplicidade de discursos (e imbricación deles con outros medios), pondo de relevo o lugar que ocupa na cultura, na sociedade e no mercado xaponeses, así como no resto do mundo.
Manga. Del cuadro flotante a la viñeta japonesa é unha extensa obra monográfica sobre o manga xaponés que incide especialmente no ámbito sociolóxico. Ao longo de 600 páxinas abórdase non só a morfoloxía, sintaxe e categorización do cómic manga, senón tamén o seu percorrido histórico, o seu factor de influencia e a repercusión no seo da sociedade nipoa e a súa imbricación noutras manifestacións culturais, así como o seu importante valor de mercado en todo o mundo. Este libro é o resultado dunha profunda investigación que satisfará tanto á persoa investigadora máis experimentada coma á neófita entusiasta.
ficha técnica
Autoría: José Andrés Santiago
Data da 1.ª edición: xuño de 2010
ISBN 13: 978-84-15097-79-2
Edición: grupo de investigación dx5 da Universidade de Vigo
Medidas: 17 x 23 x 3,5 cm
Páxinas: 600
Impresión: cuadricromía
Lingua: castelán
PVP: 24 €
Distribución: Comanegra