piezoeléctrica
la estampa inyectada
algunas reflexiones en
torno a la gráfica digital
Tecné e Arte sempre estiveron en continuo diálogo dende tempos inmemoriais. Coa invención da imprenta e o descubrimento da fotografía, os procesos para xerar imaxes desenvólvense por camiños antes descoñecidos. A multiplicidade e a súa potencial difusión fan que a cultura e as imaxes viaxen e se propaguen por todo o mundo. Igualmente, deriva diso unha facilidade para establecer un circuíto de coleccionismo e exhibición e a consideración da estampa como un valor de cambio.
Doutra banda, a introdución das novas tecnoloxías na industria das artes gráficas e as consecuentes aplicacións no ámbito das belas artes mostran unha realidade obxecto de interese e de investigación. Neste contexto sitúase o seguinte estudo, onde baseados sempre nesa relación entre arte e tecnoloxía se quere reflectir unha inquietude que xa dende hai varios anos se respira no mundo da gráfica artística contemporánea, todo aquilo relacionado co que se deu en chamar estampa dixital.
No caso da tecnoloxía de impresión inkjet, é importante profundar nun coñecemento máis preciso e detallado, que abarque dende a química dos materiais pigmentarios e dos soportes ata o funcionamento mecánico/algorítmico da maquinaria de impresión e de plóters, para así ampliar as posibilidades que o ou a artista ten de transgredir creando dende o propio proceso de xeración de imaxes.
Do mesmo xeito, dedícase un grande apartado do libro ao que se chama viaxe ao interior do papel onde, a través da súa historia, como se fabrica, que compoñentes o conforman etc., se profunda na química do soporte principal da gráfica contemporánea. Sobre todo preténdese mostrar, a través de máis de cincocentas fotos realizadas con microscopio electrónico, cal é a actualidade do papel con recubrimentos para impresión dixital, é dicir, como a alta tecnoloxía dos materiais, hoxe en día, está ao servizo da industria e como os fabricantes de papel traballan estreitamente coas grandes empresas que fabrican as tintas e as máquinas de impresión para optimizar os resultados de impresión piezoeléctrica.
Froito dun exhaustivo traballo de investigación, nace o libro Impresión piezoeléctrica, la estampa inyectada. Algunhas reflexións ao redor da gráfica dixital, que recolle textos e obras de artistas de recoñecido prestixio e persoas coñecedoras do ámbito gráfico dixital acerca da súa experiencia cos medios de impresión actuais e aspectos técnicos e históricos eminentemente prácticos.
ficha técnica
Autoría: Ana Soler e Kako Castro
Data da 1.ª edición: novembro de 2006
ISBN 13: 978-611-4167-9
Edición: grupo de investigación dx5 da Universidade de Vigo
Medidas: 17 x 23 x 3 cm
Páxinas: 532
Impresión: cuadricromía
Lingua: castelán
Distribución: Comanegra