A presente publicación ten a súa orixe nas I Xornadas Técnicas Internacionais «Creación na fronteira» que, baixo o título de «Arte & deseño. Entre a función e o sentido», tiveron lugar na Facultade de Belas Artes de Pontevedra durante os meses de novembro e de decembro de 2010.
O punto de partida destas xornadas é o binomio arte-deseño, un vaivén de pensamento que descobre puntos comúns e diferenzas esenciais. Entre función simbólica e sentido sociolóxico, a arte e o deseño desdebuxan as fronteiras. Moitos creadores e creadoras actuais mesturan os xéneros e pasan dun ao outro, sen complexos, ata fundir as súas obras, sen que poidamos xa definilas de maneira unilateral. Os xéneros entrelázanse, fluíndo entre a vida cotiá e o ámbito público. A arte sae á rúa, o deseño vai ao museo, e todo acaba no supermercado ou no espazo virtual, cuestionando a aura da obra da arte múltiple, pero tamén a do deseño orixinal. As imaxes e os obxectos que nos rodean manteñen connosco relacións privilexiadas a través da súa función utilitaria, intelectual e emocional.
Co fin de darlles continuidade ás formulacións propostas e ofrecer unha plataforma para ampliar os temas presentados aos relatores e relatoras convidados e outros autores e autoras afíns, xorde este libro.
ficha técnica
Autoría: AAVV
Data da 1ª Edición: novembro de 2011
ISBN 13: 978-84-939527-2-7
Edición: Grupo de Investigación dx5 – Universidad de Vigo
Medidas: 17 x 23 cm
Páxinas: 106
Impresión: Cuatricromía
Encadernación: Rústico
Língua: Castelán e Inglés
PVP: esgotado