_ánodo-cátodo

Electrolisis y galbanografía
la memoria química esculpida por electrones

_ materia

Arte e tecnoloxía

_ especialidade

Arte gráfica de campo expandido,
gravado electrolítico, galvanografía

ánodo-cátodo

"Ánodo-Cátodo, la memoria química esculpida por electrones", parte da idea básica da dicotomía dos contrarios para xerar matrices, para ofrecer un mundo novo. Dito doutro xeito, unha maneira nova de observar o mundo, que nos transporte entre o ver e o ser onde habita o coñecemento e o pensamento.

_ o libro

A presente publicación pretende ofrecer unha visión adxacente do mundo da gráfica contemporánea, que poida mostrar as posibilidades de escenarios complementarios ao panorama da gráfica tradicional. Dende esa posición estrutural reflexiónase mergullando na maxia da complexidade dos opostos para penetrar na química das substancias que transforman a materia, as paisaxes e, en definitiva, a vida. Tendo como protagonista da nosa historia a electricidade, quíxose investigar sobre o papel que esta ten no noso campo. A química que modifica o universo micro e macro baséase en principios e en reaccións onde os electróns viaxan entre elementos para transformar as substancias. Créase ese marabilloso bucle da repetición e da transformación, onde novos universos aparecen xusto diante dos nosos ollos para modificar en tempo real o mapa que pisamos, vemos ou habitamos.

O libro estrutúrase en tres partes ben diferenciadas, que coinciden coas formulacións programáticas do grupo dx5 e coa maneira na que, case sempre, se abordan os proxectos de investigación desenvolvidos por este equipo. Estes tres enfoques, teórico-conceptual, científico-técnico e artístico-práctico, reflíctense nas tres grandes seccións que articulan este libro. Na primeira parte convidáronse diferentes persoas pensadoras e expertas para desenvolver e investigar a aplicación dos procedementos de electrólises e de galvanografía na gráfica actual. O noso obxectivo inicial e primordial era estudar as súas implicacións teóricas e conceptuais analizando o que leva á constatación empírica de que todo é química, todo se constrúe grazas aos principios básicos da electricidade. Atracción e repulsión de polos opostos, negativo e positivo convivindo para activar a creación de nova materia.
A segunda gran sección deste libro corresponde a unha visión inédita macro de matrices gráficas, tradicionais ou realizadas a partir de procedementos de electrólises ou de galvanografía. Analizáronse case cen mostras das vinte e dúas técnicas gráficas recollidas na publicación, unha selección fotográfica dun total de máis de 1900 imaxes tomadas co microscopio, que pretenden achegar esoutra perspectiva de corte máis científico da realidade xa coñecida. Convidamos o público lector a unha viaxe ao interior das diferentes matrices a partir da microanálise comparativa para que, dende o coñecemento en profundidade, se estableza unha nova experiencia entre o ver e o ser.
Na terceira parte, ofréceselle ao público lector unha pequena selección de artistas e imaxes de obras que amplían graficamente o discurso teórico-conceptual que serve de fío condutor a esta proposta editorial. Obras evocadoras que, en ocasións, responden de xeito plástico a cuestións expostas ao longo deste proxecto e que noutras axudan a expor novas preguntas obxecto de reflexión.
Esa reflexión infinita incentiva a persoa creadora e investigadora a seguir propiciando a dúbida nun mundo aparentemente cheo de dogmas e que se nos revelan como índice da complexidade contemporánea na que vive inmerso o ser humano do século XXI.

Esta web usa cookies. Si continúas navegando estás dando su consentimiento para la aceptación de esas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies