_Posthumanismos Interdisciplinares na Arte e na Ciencia
_ materia
_ especialidad
_Posthumanismos Interdisciplinares na Arte e na Ciencia
Posthumanismos interdisciplinares na Arte e na Ciencia é unha publicación que nace da serie de encontros internacionais Art at the Edge of Nature, recompilando a investigación presentada e derivada das tres primeiras edicións do encontro, celebradas en España e nos Estados Unidos. Nas súas páxinas, proponse que a arte, entendida como un concepto expandido e múltiple, xa non pode ser comprendida como unha práctica exclusivamente humana, senón como un campo en movemento, atravesado por disciplinas, perspectivas, entidades e axencias desde as que nos interrelacionamos. Partindo desta premisa, o volume estuda como a disolución das fronteiras entre arte e ciencia deu lugar a prácticas híbridas que desprazan a centralidade antropocéntrica, obrigándonos a repensar a autoría, a intelixencia e os medios de produción do coñecemento. A través dunha serie de ensaios escritos por autores convidados, o libro sitúa as prácticas biocreativas como un territorio crítico desde o que afrontar os desafíos ecolóxicos contemporáneos de maneira colectiva e, unha vez máis, múltiple. Ao longo das súas seccións, combina teoría e práctica, proporcionando un percorrido de reflexións que contribúen a cartografar un campo plural no que converxen a sustentabilidade, a materialidade, a interdisciplinariedade e as prospeccións de futuro. Máis alá de presentar unha selección de propostas, o volume constrúe un marco de lectura para comprender como a arte e a ciencia poden operar hoxe como prácticas complementarias de exploración e mediación ecolóxica. Esta publicación constitúe o primeiro volume dunha serie de contribucións destinadas a mapear o estado do denominado bioarte, biomaterialismo, biodeseño e outras prácticas afíns, tanto a nivel nacional como internacional.

_orixe
O evento Art at the Edge of Nature é unha serie de seminarios internacionais fundada por Antía Iglesias en 2024, en Nova York, ao abeiro dunha bolsa Fulbright-Xunta de Galicia. Desde a súa primeira edición, esta serie de seminarios promove a investigación e a reflexión arredor da situación do bioarte contemporáneo e das súas múltiples facetas, procurando consolidar o seu percorrido dentro da historia da arte e da creación artística actual. Este encontro está vinculado á liña de investigación en Novas Materialidades e Ecoloxías, nacida da colaboración entre o grupo dx5 Digital & Graphic Art Research, da Facultade de Belas Artes, e o grupo AF4 Enxeñaría Agroforestal, da Escola de Enxeñaría Forestal, ambos pertencentes á Universidade de Vigo, no marco do programa de doutoramento CREA, Creatividade e Innovación Social e Sustentable. Esta liña de traballo, complementaria da liña de investigación en Biorrecursos e Propostas de Arte e Ciencia desenvolvida no AF4, procura posicionar a Universidade de Vigo dentro dunha rede internacional de creadoras e creadores interdisciplinares, apostando por formas de coñecemento híbridas e comunitarias.
_enfoque
A publicación Posthumanismos interdisciplinares na arte e na ciencia é, efectivamente, interdisciplinar e postantropocéntrica. Enténdese o coñecemento como algo situado, relacional e coproducido entre as artes, as ciencias, a técnica, a experimentación, a comunidade e o contexto. Así, desde a intra-acción baradiana, o ecolóxico-contextual abórdase desde a noción de creación múltiple: colectiva, acumulativa e derivada. A arte maniféstase como unha forma de coñecemento expandido e, á súa vez, a ciencia preséntase como unha práctica capaz de recuperar dimensións imaxinativas, sensibles e culturais. Este enfoque propón unha epistemoloxía híbrida desde a que pensar a biocreatividade, a axencia máis-que-humana e as novas formas de colaboración necesarias para facer fronte á crise ecolóxica contemporánea.

_sobre o contido
O libro organízase en varios bloques que combinan marco teórico, reflexión conceptual e estudos de caso desde a intersección entre arte, ciencia e ecoloxía.
Iníciase cunha introdución institucional de Ana Soler e Ángeles Cancela, que sitúa a colaboración entre arte e ciencia como unha forma de produción de coñecemento interdisciplinar no contexto da Universidade de Vigo. A continuación, Antía Iglesias desenvolve o marco conceptual, revisando a noción de natureza como construción histórica e propoñendo as prácticas biocreativas desde o posthumanismo, cuestionando as dicotomías entre natureza e cultura, humano e non humano.
O prefacio de Elena Soterakis introduce o concepto de biofuturismo, formulando o bioarte como unha forma de coñecemento e de relación cos sistemas vivos, máis alá da súa dimensión estética.
O núcleo do libro reúne diversos capítulos que abordan casos e enfoques específicos. Daniel López del Rincón analiza como o concepto de natureza foi construído na historia da arte, propoñendo a idea de postnatureza para comprender as transformacións actuais. Esther Pizarro estuda a relación entre ecosofía, bioarte e biomateriais a través de proxectos que traballan coa contaminación hídrica e con organismos vivos, formulando unha perspectiva interespecies. Elena Lavellés propón a estratigrafía forense como ferramenta artística para ler o territorio, entendendo a paisaxe como un arquivo material no que se inscriben procesos ecolóxicos, sociais e políticos.
Pola súa banda, Esther Pizarro, Isabel Marcos e Miguel Trigo exploran os materiais biobaseados como alternativa sostible, analizando as súas propiedades, clasificación e aplicacións no deseño e na innovación. José Carlos Espinel e Jennifer Parker investigan o aire como material e concepto, abordando a súa dimensión ecolóxica, tecnolóxica e poética, e facendo visibles procesos invisibles relacionados coa sustentabilidade. Santiago Morilla presenta dispositivos artísticos vinculados a fungos e solos que combinan son, participación e ecoloxía, propoñendo experiencias colectivas de relación co vivo. Finalmente, Paula Bruna reflexiona sobre a investigación artística como forma de coñecemento, integrando datos científicos, ficción e experiencia sensible para achegarse a formas de vida non humanas, especialmente vexetais.
O libro conclúe cun capítulo de Antía Iglesias que sintetiza os principais retos da biocreatividade, destacando a necesidade de enfoques interdisciplinares, novas estruturas institucionais e formas de relación máis complexas entre humanos, tecnoloxías e contornas naturais.










