_Manga+Anime

Unha ollada transdisciplinar

_ materia

Arte e cómic

_ especialidade

Estudos de manga e anime

_Manga+Anime

unha ollada transdisciplinar

Manga + Anime. Unha ollada transdisciplinar é un volume colectivo enfocado cara ás novas xeracións de investigadores e investigadoras hispanofalantes de manga e anime. Coa selección de capítulos proposta, este libro trata de ofrecer unha aproximación ampla aos estudos sobre o manga e aos estudos sobre o anime, así como ás imbricacións e cruzamentos que se producen habitualmente entre ambos. Así, abórdanse o manga e o anime como formas mediáticas; sempre —como o propio título indica— desde unha ollada transdisciplinar, pero, ao mesmo tempo, tentando acoutar unha maneira de entender os estudos sobre manga e anime na que se presta especial atención aos aspectos materiais, formais, estéticos ou textuais, sen esquecer as dinámicas de categorización, produción, distribución e consumo. Trátase dunha aproximación que atende á dimensión mediática do anime e do manga, en detrimento daqueles análises que privilexian os aspectos representacionais e que teñen dominado, ata o de agora e de maneira abrumadora, os estudos de ambos os medios..

_orixe

O xerme deste volume xorde coa celebración en Pontevedra, no mes de marzo de 2019, do V Foro Internacional de Creación na Fronteira; un simposio académico que contou coa presenza dunha ducia de investigadores e investigadoras de todo o mundo, especialistas en estudos sobre manga e anime, e que se formulou, xa daquela, como un encontro verdadeiramente transdisciplinar. Neste coloquio de 2019 chegamos á conclusión de que os cruzamentos entre investigadores con formacións interdisciplinares e variadas non só permiten sinerxías ricas en matices e colaboracións interesantes para os estudos sobre manga e anime, senón que resultan, ademais, pertinentes, xa que tenden a ofrecer olladas complementarias que todos nós, dada a especificidade dos nosos respectivos campos de traballo, tendemos involuntariamente a pasar por alto. Así pois, os autores e autoras que colaboran nos capítulos deste libro proceden de ámbitos diversos como as Belas Artes, a Estética, a Historia e a Historia da Arte, a Biblioteconomía e as Ciencias da Información, a Socioloxía, a Narratoloxía, a Filosofía, os Estudos Culturais ou a Literatura Comparada, entre outros.

"Non se intentou categorizar este volume baixo o acrónimo manganime, senón que se insiste en presentar ambos medios como entidades separadas que, aínda que con profundas imbricacións, posúen plena autonomía."

_enfoque

Esta publicación nace cunha dobre intención. O seu primeiro propósito é ofrecer unha selección de capítulos interdisciplinares de autores e autoras novas, de lectura e referencia obrigadas para aqueles investigadores que se inician nos estudos sobre manga e anime. Trátase de dirixir a ollada dese lector ou lectora debutante cara a unha escolma de textos que se afastan dos estudos de área e das lecturas representacionais de determinados títulos de manga ou anime, para defender o estudo do manga e/ou do anime como formas mediáticas e desde a súa especificidade estética e material.Igualmente importante, a segunda finalidade deste libro é tender pontes e fomentar o diálogo e a comunicación coa crecente e vibrante comunidade de Estudos sobre Manga e Anime en América Latina, ao tempo que serve para reivindicar a investigación que se está a levar a cabo no espazo académico en lingua galega e castelá.

Así mesmo, non se intentou categorizar este volume baixo o acrónimo manganime, senón que se insiste en presentar ambos medios como entidades separadas que, aínda con profundas imbricacións, posúen plena autonomía. Deste xeito, cremos que este enfoque evita caer en xeneralizacións e lecturas reducionistas, sen renunciar aos solapamentos e diálogos transversais inherentes aos estudos sobre manga e anime.

_ sobre o contido

Os capítulos deste volume examinan doce aspectos diferentes dos estudos sobre manga e anime. A primeira metade do libro céntrase no medio audiovisual, abordando cuestións como a propia noción de anime e a súa inserción no contexto dos estudos xaponeses, ou a importancia de analizar a especificidade técnica e material desta forma mediática, até o papel das producións animescas ou as yuxtaposicións con outros medios como os videoxogos ou a banda deseñada.Na segunda metade cédese o protagonismo ao manga, e explórase a súa posición nun escenario transnacional, ademais de tratar aspectos formais e materiais como a estrutura da páxina, o fluxo narrativo entre as diferentes viñetas ou a especificidade no uso das onomatopeas e dos evocativos, entre outros temas.