Dennise Sánchez Vaccarello é artista e investigadora. A súa formación académica comeza co Grao en Belas Artes da Universidade de Barcelona (2013), tras o cal realiza o Máster en Arte Contemporánea, Creación e Investigación da Universidade de Vigo (2015) e o programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea da mesma universidade (2021).
Como investigadora formou parte do dx5_dixital & graphic art_ research group grazas a un contrato de investigación da Universidade de Vigo. O seu labor investigador compleméntase coa participación en varias residencias artísticas e estancias de investigación entre as que destacan a Gil Artist Residency (Islandia, 2019), o i2ADS (Universidade de Porto, 2018), as VI Residencias Bienal de Cerveira (Portugal, 2016) ou EXPLORADORES15 (Isla de San Simón, 2015).
Desde 2011 a súa obra foi exposta en diversas mostras individuais e colectivas, pasando a formar parte dos distintos catálogos e coleccións, tanto a nivel nacional como internacional. Expuxo en espazos como a Deiglan Gallery de Islandia, o Pure Print de Porto, o MuVIM de Valencia, a Feira Estampa de Madrid, a Fundación Rac, o Museo de Pontevedra, a Casa das Artes de Vigo ou o Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.