A publicación El pliego/Le pli/A folder recolle a experiencia do proxecto internacional de intercambio, interacción gráfica e edición que foi coordinado por Ana Soler e Anne Heyvaert baixo o mesmo título. Este proxecto ten como obxectivo seguir promovendo a circulación cultural a través das fronteiras que permite a edición gráfica, a multiplicación, a versatilidade e a transportabilidade, revalorizando o formato do libro a partir do seu módulo base: o prego.
O espazo do prego supón un todo fraccionado en catro espazos distintos e solidarios, no que se establecen relacións de oposición, reflexibilidade, contigüidade, secuenciabilidade…
O prego, coma o libro, ábrese e péchase, garda, mostra e esconde á vez. A unión de diferentes pregos entre si forma un libro, dispositivo definido por esa área de emerxencia e de encontro que é a dobrez, entendida como bisagra de desdobramento.
Para realizar este proxecto, de carácter docente e investigador, convidouse a que interveña cada participante sobre unha folla de papel encartada en dúas (nas súas catro partes, anverso e reverso) a partir do binomio implícito «dobre desdobrado», utilizando técnicas gráficas e/ou outros recursos que xeren imaxe múltiple para a súa edición de varios exemplares. Reuniuse unha selección de estudantes, docentes e artistas vinculados a talleres e a grupos de investigación en arte gráfica e en edición de diferentes universidades e centros de formación.
O funcionamento do devandito proxecto consiste en que cada centro lle envía o conxunto dos pregos seleccionados e editados ao centro organizador (grupo dx5, Facultade de Belas Artes, Pontevedra, España). Coas obras recibidas compóñense tantos libros coma centros participantes no proxecto. Cada libro está formado por distintos cadernos pequenos sen coser que son compilados grazas a unha cuberta-colector común deseñada polo centro organizador. Este formato flexible posibilita diferentes combinacións, á maneira dun cadáver exquisito, e facilita a futura exposición dos pregos independentes en cada centro.
Finalmente, reuníronse 224 pregos provenientes de 17 centros formativos de creación e investigación de 11 países diferentes de Europa, América e Asia.
Esta convocatoria, que dá continuidade aos proxectos anteriores «La miniatura» (2010-2012) e «Comptines, rimas por el mundo» (2014-2015), propón renovar os centros participantes incorporando novos colaboradores e colaboradoras.
ficha técnica
Autoría: VV. AA.
Coordinación: Ana Soler e Anne Heyvaert
Data de edición: 2017
ISBN: 978-2-9804501-8-1
Edición: Département de Philosophie et des Arts Université du Québec à Trois-Rivières, Canadá