Grazas á tripla vertente investigadora promovida polo equipo de docentes, artistas, investigadores/as e tecnólogos/as de dx5, o grupo sitúase na vangarda da investigación neste sector, e é altamente competitivo, adecuándose á interdisciplinariedade que promove. Así mesmo, o feito de que o ensino artístico en moitos países do espazo europeo se sitúe á marxe do armazón universitario, dificulta a xeración de propostas de similar natureza nestes países, onde a praxe artística é de grande importancia, pero que se atopan máis afastados da metodoloxía investigadora e do rigor científico que se presupón a un equipo de investigación universitario altamente capacitado.
A pesar da heteroxeneidade das propostas e das solucións presentadas, cabe destacar que estas sempre se formulan desde unha perspectiva orixinal de humanidades: a arte é sempre o noso punto de partida e o noso fin. Traballando coas máis altas tecnoloxías (I + D), relacionadas con campos científicos que a miúdo se mesturan con outros procedentes da física molecular, física aplicada, nanotecnoloxía, microquímica, tecnoloxía dos materiais, tecnoloxías da información e das comunicacións, realidade virtual, redes etc., o enfoque humanista, sen renunciar aos avances industriais no noso ámbito de coñecemento, permite que se desenvolvan resultados e liñas de investigación, e coñecemento de grande interese.
O grupo dx5 é pioneiro neste tipo de investigación ao nivel e profundidade co que está a traballar, e por iso mesmo ten unha boa e incipiente capacidade de integración e de consolidación, no que se refire á epígrafe universidade-industria-empresa, como, por exemplo, o contrato asinado entre o dx5 e a multinacional xaponesa SEIKO EPSON Corp. (2004), empresa destacada no mundo da electrónica de consumo; ou o Convenio marco de colaboración entre a Feira Internacional de Arte Múltiple de Estampa e a Universidade de Vigo (2011), propiciado desde este mesmo equipo investigador. É, así mesmo, un equipo cun alto índice de produción científica, correspondente á área de humanidades da Universidade de Vigo, ben estruturado e con experiencia para xestionar eventos con persoas investigadoras internacionais, como é o caso do I Foro Internacional de Arte Múltiple (2011) na Feira Internacional de Estampa (e en colaboración co IAC e a Fundación Telefónica); o proxecto Europeo Interreg ARTECH 2004 “La matriz intangible“; as “Xornadas Internacionais de Conferencias e Workshops sobre Arte & Deseño. Creación na Fronteira” (2010); así como numerosos simposios transdisciplinarios con persoas investigadoras de universidades estranxeiras (europeas, americanas e asiáticas) no curso de diferentes proxectos de investigación. Así mesmo, desde a súa creación no ano 2004 tamén se promoveu activamente a colaboración e o intercambio con institucións, fundacións de arte e outros equipos internacionais tanto universitarios coma non universitarios, pero que pola súa traxectoria e recoñecido prestixio artístico e rol investigador constitúen unha rede de vital importancia para as actividades presentes e futuras do grupo dx5.
Nos últimos anos o potencial investigador do grupo dx5 viuse fortalecido coa finalización de varios proxectos de grande impacto no ámbito das belas artes e a industria asociada. Así mesmo, a obtención de varias axudas en convocatorias públicas competitivas permitiu consolidar o grupo dentro da súa contorna investigadora, á vez que madurou coa incorporación de novas persoas investigadoras doutoras ao equipo, así como novos bolseiros/as predoutorais que anteriormente xa se iniciaran na metodoloxía investigadora do grupo dx5 grazas á titorización de bolsas de colaboración cos departamentos (tanto ministeriais coma da consellaría responsable da Xunta de Galicia). Nos últimos anos, entre outras axudas, o grupo dx5 obtivo financiamento da Xunta de Galicia a través da convocatoria para consolidar grupos de excelencia en humanidades (2009 e 2017), así como da Subdirección Xeral de Proxectos de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación, en tres trienios consecutivos (2008-2011, 2012-2014 e 2016-2019).